A viabilidade en abstracto non existe. A viabilidade
dunha empresa concrétase a medida que empezamos a definir os criterios que
utilizamos para valorala. Se só temos en conta criterios económicos para
valorar a viabilidade de Tragsatec, podemos chegar á
conclusión de que a empresa non é viable economicamente na situación actual. De
todos os xeitos, esta conclusión é discutible xa que a previsión de case 25
millóns de € de perdas acumuladas para os exercicios 2013 e 2014 son perfectamente
soportadas polos 143 mill de € que a empresa dispón
en Reservas voluntarias (beneficios obtidos de exercicios anteriores).
Tamén podemos utilizar un criterio de utilidade social
para valorar a viabilidade ou non da empresa. Neste sentido, é evidente que Tragsatec desempeña un gran labor social. Os traballos que
desempeña a sociedade en áreas de loita contra incendios, sanidade animal e
toda clase de traballos non rendibles pero de interese común, fai de Tragsatec unha empresa fundamental para a sociedade. E é
que Tragsatec ten na súa constitución un obxectivo
principal de fin social e que claramente se explica na Exposición de Motivos do
Real Decreto 379/1977, do 21 de xaneiro. Polo tanto Tragsatec
é unha empresa viable dende o punto de vista social.
Tendo isto en conta, non se pode usar como pretexto a
busca da viabilidade económica para despedir ou precarizar
as condicións de traballo de miles de compañeiras e compañeiros con varios anos
de experiencia e que achega valor engadido, sacrificando así a viabilidade
social dunha empresa cuxo principal obxectivo é satisfacer o interese común. Xa
que aplicar este tipo de medidas reduce significativamente a capacidade de
resposta ante eventualidades urxentes que poidan ter as Administracións
Públicas, das que somos medio propio instrumental.
Claudio Landeira Berdullas
No hay comentarios :
Publicar un comentario